martes, 28 de abril de 2026

O RADIOVISUAL DO PATRIMONIO

 O próximo martes, o alumnado de 3º de Educación Primaria a 4º de ESO serán os protagonistas dun magazine radiovisual adicado ao patrimonio cultural do seu territorio. O proxecto consiste nunha serie de seis eventos realizados en concellos do rural galego, onde o alumnado dos centros educativos se converte no protagonista dun magazine radiovisual dedicado ao patrimonio cultural do seu territorio.

Durante cada encontro, os rapaces e rapazas presentan e conducen o programa, entrevistan persoas do lugar e dialogan con artistas convidados, creando un espazo de encontro entre xeracións arredor da cultura e da memoria compartida.



mércores, 25 de marzo de 2026

ACHÉGASE O X SERÁN

 Comeza a conta atrás para a celebración da festa máis esperada do ano, o noso X Serán. Unha festividade  chea de música, tradición e alegría que ano tras ano, non deixa de medrar. 

Para facer deste evento algo aínda máis especial, convocamos un concurso de cartaces no que todo o alumnado está convidado a participar. 

Deixade  voar a vosa  imaxinación e creade un deseño que represente o espírito do noso Serán. 

Haberá premios por ciclos, así que… todas e todos tedes opcións de gañar!





venres, 13 de marzo de 2026

DÍA DA POESÍA, A ÁRBORE E A AUGA

 O día 21 de marzo é unha data máxica na que se xuntan tres elementos esenciais para a vida e a alma: a poesía, a árbore e a auga. No marco do noso proxecto de centro "Amamos o noso bosque", queremos encher as aulas de natureza, palabras e sensibilidade.

Convidamos a todo o alumnado e profesorado a participar nesta iniciativa consistente en traer a fotografía dunha árbore importante na vosa vida, acompañada dun pequeno texto, onde reflexe a importancia que ten.
Coas vosas imaxes e palabras crearemos un gran mural vivo que nos lembrará a necesidade de coidar a nosa contorna. Porque para amar o noso bosque, primeiro debemos aprender a miralo.
Agardamos as vosas fotos e textos! 

xoves, 26 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALIA

O 23 de febreiro celebramos no noso centro, o Día de Rosalía de Castro, unha data moi especial para lembrar e homenaxear a nosa gran escritora, Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da literatura galega.

                        

Ao longo destes dias , os nenos e nenas participaron en diversas actividades para coñecer mellor a súa vida e a súa obra. Nas aulas léronse algúns dos seus poemas máis coñecidos, e reflexionaron sobre a importancia de coidar e valorar a nosa lingua , tal e como ela fixo na súa época.


 

 


mércores, 4 de febreiro de 2026

POLA CANDELORIA....

O pasado 2 de febreiro celebramos o Día da Candeloria. Segundo o refraneiro popular, nesta data «casan os paxariños», marcando o inicio simbólico da primavera e o espertar da natureza.
Para unir a tradición coa ciencia, os alumnos de ESO puxéronse mans á obra na materia de Bioloxía. O resultado foi un fantástico recompilatorio  de aves autóctonas  que conecta a nosa cultura  co coñecemento científico.


 





 


venres, 26 de decembro de 2025

NADAL DO COLE DE CEA

O Nadal chegou ó Cole de Cea e con el toda unha serie de actividades organizadas polos diversos departamentos: Ó longo deste mes o alumnado do centro elaborou postais de bos desexos con materiais de refugallo. Estas postais foron expostas na nosa árbore de Nadal. O mércores..... recibimos a visita do Apalpador, tras unha longa camiñata dende as Montañas do Caurel, chegou para enchernos de alegría e agasallos para os máis cativos. O venres... realizamos o noso festival de Nadal no que non faltaron cantigas, pbras de teatro e actuacións musicais. Cabe resaltar que o alumnado de quinto de Educación Primaria quixo recordar as coplas de Erundina do Val.

venres, 12 de decembro de 2025

"FALA QUE FALA" NO COLE DE CEA

Hoxe no Cole de Cea gozamos dunha xornada de radio en directo na que participou o alumnando de segundo ciclo de Educación Primaria e ESO. Ó longo destas duas horas de radio compartidas con Álvaro Veiga e Chus..... o alumnado xogou, viviu a experiencia da radio en directo e coñecemos de primeira man algo máis da vida e obra de Acisclo Manzano . Podedes escoitar todo o programa a través da seguinte ligazón :